Barreiro estivo en Mondoñedo na presentación de Elena Candia como aspirante á alcaldía de Mondoñedo |
Venres, 16 de Marzo de 2007.- O Presidente Provincial do Partido Popular José Manuel Barreiro participou esta tarde na presentación da nova candidata do PP á alcaldía de Mondoñedo, Elena Candia López en sustitución de Luis Rego, que deixa a alcaldía tras oito anos. Barreiro loubou o traballo realizado por Rego durante os seus mandatos: “Traballou eficazmente e con plena dedicación polos intereses dos seus veciños e hoxe deixa un Mondoñedo con máis servizos e cun futuro por diante moito mellor”, explicou Barreiro.
Rego, quen xa en 1999 anunciara que non estaría máis de oito anos na alcaldía, vaise satisfeito co traballo realizado. “Creo que a mellor valoración desta etapa é a que fixeron os propios mindonienses que nos apoiaron de forma masiva por dúas veces”, afirma Rego. De feito, o Partido Popular encabezado por Rego obtivo os dous mellores resultados electorais en Mondoñedo de toda a democracia.
Pese a ter acadado para a cidade obras millonarias como o auditorio, o polideportivo, a traída de augas ou a travesía municipal, Rego afirma sentir unha especial satisfacción por logros que en principio poderían parecer menores como a guardería municipal, “infraestructura que a oposición consideraba innecesaria, pero que facilitou moitísimo o acceso da muller ao mercado laboral, e mesmo fomentou o repunte da natalidade en Mondoñedo” afirmou Rego. Tamén supuxo para el un orgullo persoal a primeira fase de viviendas para mozos construidas na zona dos Muiños “que permitiu recuperar ese entorno e, ao mesmo tempo, acceder á súa propia vivienda a menores de 35 anos”, explicou Rego, quen lamentou a paralización pola Xunta bipartita da segunda fase deste proxecto presentado polo concello.
O presidente provincial amosouse convencido de que todo este labor realizado ata agora “é un aval máis que suficiente para que os mindonienses apoien de novo en maio ao Partido Popular como o fixeron nestes anos”. Ademais puxo como exemplo a xuventude dos candidatos populares (Rego e Candia) que, “lonxe de marchar fora, manteñen o compromiso coa súa cidade traballando por ela e protagonizando o seu futuro”. Para José Manuel Barreiro a candidatura de Elena Candia representa a política do PP de elixir aos seus representantes pola súa capacidade e polos seus méritos “non como outros partidos da Mariña, que falan moito de paridade e logo mesmo se esquecen de incluir mulleres na súa lista”.
Perfil da candidata
Elena Candia López naceu na parroquia do Carme de Mondoñedo hai 29 anos e é licenciada en Dereito. Dende que en 2003 asumiu a concellería de Asuntos Sociais, Promoción do Emprego e Inmigración leva traballando por mellorar a calidade de vida dos seus veciños e por dotar de novos servizos á cidade. De feito ese será o principal obxectivo do seu programa electoral: “intensificar os servizos municipais e dotar de máis calidade aos xa existentes”, explicou Candia. A nova candidata, que afronta con ilusión e moitas gañas de traballar este novo reto persoal, cree necesario estructurar os servizos muncipais en función da zona rural ou urbana na que se presten, tendo en conta as diferencias e particularidades de cada unha para acadar unha prestación máis eficaz. Asi mesmo, tamén se marca como obxectivo acadar o asentamento de novas empresas e a creación de novos postos de traballo.
Elena Candia pediu a tódolos afiliados e simpatizantes o seu apoio e implicación na campaña e comprometeuse a ser unha alcaldesa que escoite a todos. Para esta fin contará na súa candidatura cun equipo sólido, capaz e con gañas de traballar polo futuro de Mondoñedo.
PRENSA
PARTIDO POPULAR