- Galicia recibiu só 1,5 traspasos das 50 transferencias efectuadas polo Goberno de Zapatero nesta lexislatura
- “Boto en falta a súa actitude reivindicativa, como cando estaba vostede na oposición”, sinala o voceiro parlamentario do PPdeG dirixíndose a Quintana, ao que reprochou a súa obsesión por “copiar fórmulas” de Cataluña e o País Vasco
- O Grupo de Traballo anunciado como novidade por Quintana logo de reunirse co ministro de Administracións Públicas leva 20 anos funcionando
- O PPdeG considera que o BNG padece a “síndrome de personalidade múltiple”, que o leva a criticar medidas que toma o propio Goberno do que forma parte
Santiago, 13 de marzo de 2007.- O Goberno central está a vetar a Galicia traspasos que si materializa noutras Comunidade Autónomas. Este comportamento explica que dos 50 traspasos efectuados a outras Comunidades no que vai de lexislatura, a Galicia só se lle permitiu asumir 1,5 competencias, segundo recordou o voceiro parlamentario do PPdeG, José Manuel Barreiro, ao responder no Pleno do Parlamento a unha comparecencia do vicepresidente da Igualdade e o Benestar para explicar o contido da súa última reunión co ministro de Administracións Públicas, Jordi Sevilla.
En opinión de Barreiro Fernández, o veto do Goberno de Rodríguez Zapatero a Galicia non é novo e ten antecedentes en áreas como as infraestruturas ou o apoio á industria. “Gustaríame ver a mesma implicación do Goberno central no caso de Navantia en Ferrol, que no caso de Delphi en Andalucía”, afirmou Barreiro.
José Manuel Barreiro ironizou cos “éxitos” do que Quintana denominou “cooperación intelixente” e corrixiu ao líder nacionalista, recordando que os únicos logros acadados na recente reunión con Jordi Sevilla consistiron nun desmentido no que o ministro socialista aclaraba que non se acordou transferencia algunha a Galicia, así como unha bronca parlamentaria entre o presidente da Xunta e o voceiro parlamentario do BNG, aproveitando a ausencia do vicepresidente da Igualdade.
“Por primeira vez asistimos a un enfrontamento dos que día a día se producen neste Goberno, pero con luz e taquígrafos, en directo e no Parlamento de Galicia”, enfatizou Barreiro.
O voceiro popular enmarcou este incidente no “síndrome de personalidade múltiple” que padece o BNG e que leva aos nacionalistas a criticar medidas que toma o Goberno do que forma parte, como sucedeu a raíz da combustión da carga do barco Ostedeijk.
UNHA “NOVIDADE” CON 20 ANOS DE HISTORIA
Engadiu Barreiro que o Grupo de Traballo anunciado como novidade por Quintana ao remate da reunión é en realidade a Comisión Bilateral de Cooperación Administración do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, constituída en Madrid o 26 de xuño de 1987, con regulamento propio e capacidade para abordar calquera tipo de asuntos.
O voceiro parlamentario dos populares galegos afirmou, dirixíndose a Quintana, que “boto en falta a súa actitude reivindicativa, como cando estaba vostede na oposición”, ao tempo que se amosou convencido de que a entrevista con Sevilla fixo aflorar “as pantasmas do Estatuto polo que vostede non apostou e volve a aparecer a súa obsesión por copias fórmulas” importadas de Cataluña e o País Vasco que Galicia non pode nin debe importar.
Na súa intervención, o portavoz do Grupo Parlamentario Popular contrapuxo o veto ao autogoberno de Galicia imposto polo actual Goberno central coas 70 competencias asumidas pola Comunidade Autónoma durante os Executivos do PPdeG. Delas, 46 traspasos foron formalizados cos Goberno de Aznar, ao que Quintana acusaba de centralista, mentres que fronte á actitude de Zapatero permanece calado.
“Mentres vostedes perden o tempo en debates e en vender fume, os problemas dos galegos seguen sen ser solucionados; somos testemuñas de cómo o Goberno central bota por terra os acordos deste Parlamento -véxase o caso de Navantia, da fuga de empresas pola inseguridade que se está a producir-. E mentres todo isto sucede, o lado socialista do bipartito, segue a render pleitesía os mandatos da sede de Ferraz e o lado nacionalista perdese na súa síndrome de bipolaridade querendo ser a un mesmo tempo goberno e oposición”, subliñou Barreiro antes de instalos a “deixar de vender fume e facer algo dunha vez”.
Sen embargo, Barreiro Fernández avanzou que a Xunta pode contar co apoio do PPdeG sempre que reclamen do Goberno central un auténtico incremento do nivel de autogoberno para Galicia. Pola contra, non atopará o apoio dos populares galegos para agochar a mala conciencia do bipartito, ou o veto permanente ao que está a ser sometida Galicia por parte do Goberno central.