Partido Popular de Lugo

O PPdeG REPROCHA A RICARDO VARELA QUE UTILICE A CHEQUEIRA DA XUNTA PARA FINANCIAR A PRECAMPAÑA MUNICIPAL SOCIALISTA

Santiago, 12 de marzo de 2007.- O secretario de organización do PSdeG-PSOE e eventual conselleiro de Traballo do Goberno bipartito leva varios meses enfrascado nunha campaña de captación de tránsfugas e independentes para engrosar as candidaturas socialistas nas vindeiras Eleccións Municipais. O voceiro parlamentario do Grupo Popular, José Manuel Barreiro, considera que a actitude de Ricardo Varela constitúe un “auténtico escándalo” na medida en que “usa libremente a chequeira da Xunta para financiar as operacións políticas do PSOE”.

Barreiro Fernández referiuse hoxe, durante unha visita a Chantada, ao acordo materializado recentemente cos Independentes de Pantón, que se integraron na candidatura socialista a cambio do compromiso, adquirido polo conselleiro de Traballo, de que a Xunta investiría 12 millóns de euros en diferentes obras no concello.

MALVERSACIÓN DE FONDOS PÚBLICOS

Este acordo podería constituír, en opinión do vicepresidente do PPdeG, “un caso de clara malversación de fondos públicos, supón unha chantaxe evidente a todos os veciños de Pantón aos que ameza cunha discriminación se non votan a unha lista determinada e vulnera as máis elementais normas de comportamento ético que se lle deben esixir a calquera político no exercicio das súas responsabilidades, na medida en que coacciona aos electores, tratando de limitar o seu dereito a votar con absoluta liberdade”. 

Ante a gravidade da ameaza lanzada por Ricardo Varela, o voceiro popular levará o caso ao próximo Pleno do Parlamento de Galicia, onde formulará unha pregunta ao conselleiro de Traballo sobre este asunto coa esperanza de que se retracte.

A CALCULADORA DE RICARDO VARELA
O voceiro parlamentario dos populares galegos recorda que desde hai xa varios meses Ricardo Varela desenténdese das súas responsabilidades como conselleiro de Traballo e dedícase a percorrer Galicia, calculadora en man, para analizar como o PSdeG podería captar votos cos que poder gobernar sen o lastre de ter que facelo a través dun pacto do BNG.

Como exemplos da ocupación de Ricardo Varela, o voceiro popular recorda que recentemente captou para as siglas do PSdeG-PSOE ao actual alcalde tránsfuga de Oroso, que ten aberta unha causa da Fiscalía Anticorrupción pola presunta comisión dun delito urbanístico; a promesa de que a Xunta apoiará o recinto feiral da Semana Verde de Galicia se a candidata socialista consigue a Alcaldía de Silleda nas próximas Eleccións Municipais; a decisión de fichar aos dous concelleiros de Iniciativa Galega de Carballeda; ou a fichaxe do ex-alcalde nacionalista de Chantada como cabeza de lista do PSdeG-PSOE nas vindeiras municipais.

Barreiro Fernández enmarca a actitude de Ricardo Varela na “bipolaridade” que caracteriza o comportamento dos integrantes do Executivo galego: “elaboran leis para promover unha suposta transparencia contra a que se empeñan en atentar día tras día”.