Partido Popular de Lugo

A LISTA DE ESPERA MEDRA UN 54,19% NO HOSPITAL XERAL DE LUGO E CONVIRTE A ESTE CENTRO NO QUE PEOR FUNCIONA DE GALICIA

Lugo, 7 de marzo de 2007.- A lista de espera media no Hospital xeral de Lugo aumentou en 33 días entre xuño de 2005 e xaneiro de 2006, ao pasar dunha demora de 62 a 95,6 días, o que supón un incremento do 54,19%, segundo datos que obran en poder do PPdeG e que hoxe foron divulgados polos populares galegos nunha rolda de prensa dos deputados Dámaso López Rodríguez e Miguel Santalices, que estiveron acompañados polo voceiro do Grupo Parlamentario e presidente provincial do PP en Lugo, José Manuel Barreiro.

Na práctica, estes datos converten ao Hospital Xeral de Lugo no que peor funciona do conxunto de Galicia, feito que o deputado popular atribúe á ineficacia dos actuais xestores do Sergas, na medida en que, desde que se produciu o cambio de Goberno, hai algo máis de ano e medio, a presión asistencial mantense estable e a dotación de persoal dos centros sanitarios é a mesma ca entón.

Fronte a esa realidade, a administración sanitaria e os seus socios parlamentarios  recorreron  a todo tipo de argumentos para evitar recoñecer a súa responsabilidade, culpabilizando do colapso, que nos últimos meses inclúe tamén lista de espera para o médico de cabeceira, a causas peregrinas: desde que é unha herdanza do PPdeG, a que é consecuencia da falta de colaboración dos facultativos, que os xornalistas magnifican a situación ou que aumentaron as patoloxías asociadas ás condicións meteorolóxicas.

LUGO, Á COLA DE ESPAÑA EN SANIDADE PÚBLICA
Nunha rolda de prensa ofrecida na cidade de Lugo, Dámaso López recordou que un recente informe da Asociación El Defensor del Paciente situaba á sanidade pública galega como a peor de España, “o que confire a Lugo o discutible mérito de contar coa atención sanitaria máis deficiente do conxunto do Estado”.

Dámaso López desvelou que a lista de espera medrou no Hospital de Lugo en practicamente todas as especialidades, aínda que a evolución más deficiente corresponde a  Uroloxía (32,4 días máis de espera en 2006); Cirurxía Plástica (48,5 días máis). Con todo, o maior colapso rexístrase en Cirurxía Vascular, cunha lista de espera de dous anos e medio. Nesta especialidade existe unha pre-lista na que os pacientes deben agardar para ser incorporados á lista de espera definitiva.

EVOLUCIÓN LISTA DE ESPERA MEDIA HOSPITAL XERAL DE LUGO
(Consultas e cirurxía)
DATA
DEMORA MEDIA (en días)
Xuño 2005
62
Decembro 2005
76.9
Xuño 2006
70.2
Decembro 2006
90.3
Xaneiro 2007
95.6

 

DEMORA MEDIA POR ESPECIALIDADES
TRAUMATOLOXÍA
Xuño 2005:  69
Decembro 2005:  78.7
Xuño 2006:  78.2
Decembro 2006:  91
UROLOXÍA
Xuño 2005:  53.2
Decembro 2005:  58.1
Xuño 2006:  65
Decembro 2006:   94.5
XINECOLOXÍA
Xuño 2005:  50.8
Decembro 2005:  71.3
Xuño 2006:  62
Decembro 2006:   100.3
OTORRINOLARINGOLOXÍA
Xuño 2005:  56.4
Decembro 2005:  80.1
Xuño 2006:  59
Decembro 2006:   83.6
CIRURXÍA XERAL E DIXESTIVA
Xuño 2005:  54.9
Decembro 2005:  66.3
Xuño 2006:  69.8
Decembro 2006:  81.5
CIRURXÍA PLÁSTICA
Xuño 2005:  72.1
Decembro 2005:  66.4
Xuño 2006:  72.7
Decembro 2006:  114.9

 

Dámaso López Rodríguez referiuse tamén a outras necesidades pendentes de atender na área sanitaria de Lugo, como o Centro de Saúde do barrio do Sagrado Corazón, pendente de construír desde o ano 2000, neste caso porque o concello non acaba de poñer os terreos necesarios a disposición do Sergas.

CAMBIO DE DISCURSO DO PSOE
No ámbito provincial, o deputado popular cuestionou a “dobre moral e dobre discurso” dos políticos socialistas, que cando gobernaba o PPdeG reclamaban a posta en marcha de Puntos de Atención Continuada (PAC) en localidades como Foz, Monterroso e O Caurel, ou a petición de duplicar a dotación do P AC de Chantada, e que non volveron formular desde que se produciu o cambio de Goberno.

Aprazadas quedaron tamén, segundo lembrou Dámaso López, peticións como conseguir 10 minutos de tempo mínimo para cada consulta do médico de cabeceira; o reforzamento da atención pediátrica en Alfoz, O Valadouro, Fonsagrada, Monforte, A Pobra de Brollón ou Bóveda. Nada se sabe tampouco da descentralización das analíticas do Sintrón en Lugo capital no máis de ano e medio transcorrido desde o cambio de Goberno, pese a que na anterior lexislatura se implantara en toda a provincia.

López Rodríguez, médico de profesión, laiouse de que non se están a substituír as baixas que se rexistran nas consultas de atención primaria e que, por riba, se está sobrecargando a algúns destes estes profesionais con  revisións pediátricas, xinecolóxicas e programas novos como o de deshabituación tabáquica.

O RESPONSABLE PROVINCIAL DO SERGAS FAI A CAMPAÑA MUNICIPAL DESDE O SEU DESPACHO

O deputado popular explicou que o actual  director provincial do Sergas en Lugo e  candidato do PSOE á alcaldía de Guntín, dedica máis esforzos á política municipal que a velar por garantir unha axeitada asistencia sanitaria para o conxunto dos lucenses. Non só ten abandonadas as súas responsabilidades como director provincial do Sergas senón que, ademais, utiliza o cargo institucional e os recursos que ten á súa disposición para apoiar a candidatura socialista de Guntín, agregou López Rodríguez.

Paralelamente, o Grupo Popular cuestiona a actitude do delegado provincial da Consellería de Sanidade, que hai varios meses chegou a defender a posibilidade de que contratar a médicos procedentes de terceiros países con títulos sen homologar, o que lle custou unha oleada de críticas de diferentes colectivos, profesionais, incluídos os colexios médicos.

Dámaso López aludiu tamén á incoherencia do actual director xerente do Hospital Xeral de Lugo, afectado por unha “crise de amnesia” desde que asumiu as responsabilidade actuais. Na anterior Lexislatura reclamou con vehemencia a descentralización de consultas especializadas (obstetricia, xinecoloxía, oftalmoloxía, saúde mental ou planificación familiar, entre outras) para que os enfermos de localidades como Sarria, e outras, non tiveran que  desprazarse á capital provincial. Sen embargo, desde que se produciu o cambio de Goberno, non volveu acordarse desas demandas de mellora asistencial.

DECÁLOGO PARA SUPERAR O COLAPSO
Na mesma rolda de prensa, o voceiro de Sanidade do Grupo Popular, Miguel Santalices, presentou o decálogo de medidas do PPdeG para superar a situación de colapso na que está sumida a sanidade pública en Galicia.

DECÁLOGO DE MEDIDAS DO PPdeG PARA MELLORAR O FUNCIONAMENTO DA SANIDADE EN GALICIA

·        Reforzar, ampliar a establecer servizos de urxencia hospitalarios  que atendan integramente, en horario continuado de tarde, a actividade asistencial xerada polo bloque médico. Esta medida permitiría incrementar o número de especialistas dispoñibles para atender as consultas externas, reducindo as listas de espera.

·        Organizar un modelo asistencial que permita que os especialistas, sobre todo nas áreas con maior demanda, atendan a boa parte dos enfermos nos propios centros de saúde, a través de consultas programadas cos médicos de Atención Primaria. Moitos especialistas de máis de 55 anos –eximidos das gardas por razóns de idade, pero en plenitude de facultades científicas- poderían asumir un maior protagonismo, establecendo os incentivos correspondentes. Nesta proposta enmarcaríase a creación da figura do especialista consultor en atención primaria. Establecemento de incentivos para manter en activo, nas áreas con maior demanda, aos facultativos xubilados, que, atopándose en plenitude de facultades, desexen prolongar voluntariamente a súa vida  laboral.

·        Potenciar o papel dos médicos especialistas en medicina interna, actualmente infrautilizados polo auxe doutras especialidades. Os internistas poderían xogar un papel máis destacado, tanto no ámbito hospitalario como na consulta especializada na atención primaria, sobre todo na atención a enfermos con múltiples patoloxías asociadas que, ata o de agora, están sendo atendidos por diferentes especialistas ao mesmo tempo.

·        Incrementar os recursos diagnósticos de Atención Primaria e facilitar que desde este dispositivo se poidan solicitar determinadas exploracións ata o de agora limitadas aos médicos de cabeceira que permitan gañar tempo para realizar o diagnóstico. Para facilitar o labor dos médicos de cabeceira, a Consellería de Sanidade debería elaborar a correspondente guía de procedementos e probas diagnósticas.

·        Incrementar os recursos económicos para Atención Primaria (recortados en 2007 despois de varios anos de crecemento constante) garantindo unha substitución inmediata nos casos de incapacidade laboral transitoria, vacacións ou permisos dos médicos de cabeceira, de xeito que outro profesional asuma a totalidade do cupo e cubrindo toda a xornada laboral. Creación da figura do médico interino substituto, que garanta unha cobertura inmediata das baixas laborais ou por vacacións que podan producirse.

·        Implantar as Xerencias de Área para unificar a xestión dos recursos sanitarios.

·        Implantar unha política de obxectivos, perfectamente definida e pactada cos médicos de Atención Primaria, incluíndo a prescrición de medicamentos xenéricos para frear o crecente gasto farmacéutico.

·        No ámbito hospitalario, redefinir a programación cirúrxica, consultas externas e autoconcertación. En todo caso, esta responsabilidade atribuirase a cada un dos servizos implicados.

·        Incrementar os recursos socio-sanitarios dispoñibles na Comunidade Autónoma Galega para desconxestionar as áreas de hospitalización, dedicando estas aos enfermos que presentan cadros agudos.

·        Implantar un novo sistema de expedición de receitas para enfermos crónicos, servíndose das posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías. Unha racionalización neste ámbito permitiría que os médicos de cabeceira dispoñan de máis tempo para consultas.

Como medida complementaria, debería crearse unha Comisión de Seguimento, integrada por representantes da Administración autonómica, do persoal facultativo e non facultativo do Sergas, dos usuarios do sistema sanitario públicos e do Parlamento de Galicia para velar polo cumprimento dos obxectivos marcados neste decálogo.