Partido Popular de Lugo

BARREIRO ESTÁ CONVENCIDO DE QUE O BO TRABALLO FEITO EN SARRIA PERMITIRÁ O TRIUNFO DO PP EN MAIO

Domingo, 4 de marzo de 2007 .- O presidente provincial do PP, José Manuel Barreiro, presidiu onte xunto co presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijoo e a secretaria de Política Autonómica e Local, Soraya Sáez de Santamaría a presentación do candidato á alcaldía de Sarria para as próximas municipais, José Antonio García López que contou coa asistencia de 400 persoas entre simpatizantes e militantes. O candidato e actual alcalde independente de Sarria encabezará en maio a lista do Partido Popular na localidade.

A presentación do candidato correu a cargo do senador sarriense Fernando Carlos, quen lembrou os retrasos e incumprimentos da actual Xunta de Galicia cos investimentos que puxeran en marcha José Manuel Barreiro, dende a consellería de Medio Ambiente, e Alberto Núñez Feijoo como conselleiro de Ordenación Territorial. Por este motivo reclamou un castigo electoral ao PSOE en Sarria polo seu desprezo aos intereses e necesidades da vila.

García López agradeceu fondamente a tódolos seus compañeiros de corporación os apoios recibidos nos últimos catro anos e amosou o seu convencemento de que “temos forza suficiente para gañar entre todos as eleccións en Sarria”. O candidato, de 35 anos, expresou a súa vontade de seguir traballando día a día para facer unha Sarria mellor.

O presidente provincial do PP en Lugo, José Manuel Barreiro, destacou como principais virtudes do candidato sarriense a súa seriedade e credibilidade.

Barreiro manifestou que a nova etapa política que se abre en Sarria coa candidatura de García López polo PP foi posible gracias a que “compartemos unha mesma forma de traballar e de concibir a política”. Nese senso, o presidente provincial explicou que o Partido Popular ve a política como ”unha forma de traballar polos demais, fronte ás concepcións doutros partidos que a entenden como un `chalaneo´, no que as aspiracións particulares están por riba dos intereses da sociedade”.

Barreiro amosouse satisfeito de que a xenerosidade e o bo entendemento permitan presentar a candidatura de García López polo PP ao fronte dun grupo de traballo máis homoxéneo e compacto pero, ao mesmo tempo, ”aberto a todos aqueles que queiran participar nel, pois o noso é un partido aberto á sociedade”. Nese senso, explicou que o Partido Popular seguirá traballando en Sarria igual que ata agora, “escoitando moito á xente e contando con todos”. Considera que a boa xestión e o bo traballo feito nestes catro anos permitirán un novo triunfo electoral do Partido Popular en Sarria.

Pola súa banda o presidente do PP de Galicia, Núñez Feijoo, amosouse orgulloso de que o PP soubera sumar en Sarria con xenerosidade, e pediu aos sarrienses que en maio abran as portas do concello a José Antonio García López e da Deputación Provincial a José Manuel Barreiro. A secretaria de Política Autonómica e Local do PP, Soraya Sáez de Santamaría, expresou a súa satisfacción de participar no acto de presentación de García López e pediu o apoio diario dos veciños para permitirlle gañar as eleccións en Sarria.

PERFIL CANDIDATO.-
José Antonio García López ten 35 anos, está solteiro e é abogado. En 1999 ocupou o número 3 na lista de INGA (Independientes de Galicia) e tras sair elixido foi designado concelleiro de urbanismo para, nas eleccións de 2003, encabezar él mesmo a lista de INGA e converterse en alcalde co respaldo do Partido Popular. Nestes catro anos de xestión logrouse a privatización do servizo de recollida de lixo, que permitiu dar un cambio á imaxe da vila, amplamente recoñecido por tódolos veciños. Asimesmo, adxudicouse o servizo de abastecemento de auga nunhas vantaxosas condicións económicas para o concello e os veciños de Sarria, e realizáronse obras como a urbanización e recuperación de Campo do Río.

É vontade de José Antonio García López incorporar á política local nestas eleccións a novas persoas e presentar un programa que terá entre os seus obxectivos reclamar da Xunta de Galicia as infraestructuras pendientes.