Partido Popular de Lugo

LÓPEZ ABELLA CONSIDERA QUE OS CONCELLEIROS DO PSOE E DO BNG DE CHANTADA QUEDAN DESAUTORIZADOS POLA NEGATIVA DOS SEUS DEPUTADOS A CREAR UN SEGUNDO XULGADO NA VILA

·        A deputada popular agrega que a votación efectuada onte no Parlamento evidenciou unha “absoluta falta de sensibilidade dos socios do bipartito cara os problemas locais, pero tamén respecto á lacra da violencia doméstica, xa que negaron a creación de catro xulgados específicos de violencia contra a muller”

Santiago, 28 de febreiro de 2007.- A deputada popular Susana López Abella considera que os deputados dos PSOE e do BNG, que onte se opuxeron no  Parlamento de Galicia á creación dun segundo xulgado de primeira instancia e instrución en Chantada desautorizaron aos concelleiros socialistas e nacionalista dese concello lucense, que en reiteradas ocasións se teñen sumado á demanda de creación desa segunda unidade xudicial.

Susana López Abella considera que “fai falta ter caradura para opoñerse á creación de órganos xudiciais reclamados unanimemente polo conxunto da sociedade”. Refírese a un acordo plenario do Concello de Chantada, reclamando a creación do segundo xulgado da localidade, secundado tamén polo colectivo de avogados e procuradores da comarca, que se amosan preocupados polo colapso que rexistra o único órgano xudicial que funciona na cabeceira dese partido xudicial.
 

FALTA DE SENSIBILIDADE
Paralelamente, a deputada chantadina interpreta que o Pleno do Parlamento foi onte testemuña dun “comportamento desleal dos deputados socialistas e nacionalistas co conxunto da cidadanía”.
 

Ao tempo, esa actitude evidenciou, en opinión de López Abella,  unha “absoluta falta de sensibilidade dos socios do Goberno bipartito coa lacra que representa a violencia doméstica, na medida en que a moción do PPdeG rexeitada onte reclamaba tamén a creación cadanseu xulgado de violencia contra a Muller en Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela”.

DESLEALDADE DOS GRUPOS QUE APOIAN AO BIPARTITO
A última hora da tarde de onte, os deputados do PSOE e do BNG votaron en contra dunha moción na que o Grupo Popular reclamaba a creación dun total de 20 novas unidades xudiciais na Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á saturación que se rexistra actualmente nos diferentes órganos xudiciais que funcionan en Galicia.
 

De feito, na súa última memoria, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia reclama a creación de 25 novas unidades xudiciais, demanda que foi desatendida polos grupos que apoian ao Goberno. Os populares galegos cualificaron esta actitude como unha mostra da “dobre moral e absoluta deixadez” que caracteriza a actuación do actual Executivo galego en materia xudicial.