· Balseiro Orol afirma que conselleira de Pesca debe decidir entre contar cun Servizo de Gardacostas eficaz para combater o furtivismo, ou grupos organizados polas propias mariscadoras para defender os recursos e o seu proio futuro
Santiago, 27 de febreiro de 2007.- O voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, demandou hoxe ao presidente da Xunta e mailo vicepresidente da Igualdade e do Benestar a que, de unha vez por todas, interveñan para poñer fin ao desgoberno que reina na Consellería que dirixe Carmen Gallego e habiliten os medios necesarios para previr o furtivismo galopante que está a esquilmar os bancos marisqueiros de Galicia.
Balseiro Orol apelou a Touriño e a Quintana despois de meses constatando que a conselleira de Pesca incumpre sistematicamente a lexislación sobre protección de recursos e deixa “vendidos e desprotexidos aos centos de familias galegas que viven do seu traballo no mar”.
José Manuel Balseiro efectuou estas consideracións no pleno do Parlamento, onde defendeu unha moción para instar á Xunta a que actúe nunha dobre dirección: que cumpra a Lei de creación do Servizo de Gardacostas e recupere a colaboración da Unidade da Policía Autonómica para a loita contra o furtivismo, e que poña en servizo a totalidade dos medios do Servizo de Gardacostas de Galicia.
A colaboración que a Policía Autonómica viña prestando aos Gardacostas –suprimida por unha decisión unilateral da Consellería de Pesca- supoñía un complemento perfecto e permitía actuar ante situacións que exceden as competencias dos funcionarios da Xunta: infraccións de tipo penal, alteracións da orde pública ou realización de identificacións.
Paralelamente, tal e como ven denunciando o PPdeG desde hai meses, as embarcacións dos Gardacostas que deberían loitar contra o furtivismo “pasan máis tempo amarradas que facendo os seus labores, ao tempo que o servizo está afectado polo desgoberno interno, como consecuencia da falta de programación e de ordes claras”.
CHAMAMENTO Á CORDURA DA CONSELLEIRA
Balseiro Orol aproveitou a súa intervención para efectuar un novo chamamento á cordura da conselleira, á que dixo que debe elixir entre contar cun Servizo de Gardacostas eficaz para combater o furtivismo, ou que esta responsabilidade sexa asumida por grupos organizados polas propias mariscadoras para defender os recursos e o seu propio futuro como consecuencia da inoperancia da Xunta.