· Os populares galegos denuncian que Ricardo Varela está máis centrado en fichar candidatos, incluído algún alcalde con denuncias urbanísticas pendentes, para as listas municipais do PSOE ca en dirixir a Consellería
· Medio Goberno galego –os socios nacionalistas- non apoia o acordo social auspiciado pola Consellería de Traballo e por iso a CIG abandonou a negociación a finais de 2006
· Nos dous últimos anos, a taxa de actividade de Galicia medrou tres veces menos ca no conxunto do Estado, o que explica, en parte, a redución do paro
Santiago, 27 de febreiro de 2007.- O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, ten completamente abandonada a súa función institucional como membro do Goberno galego e, desde hai meses, dedícase, practicamente en exclusiva, á Secretaría de Organización do PSdeG-PSOE, desde onde dirixe unha campaña de captación de independentes e tránsfugas para integrar as listas socialistas nas vindeiras Eleccións Municipais. Así o asegurou hoxe a voceira de Traballo do Grupo Popular, Susana López Abella, ao responder no Pleno do Parlamento a unha comparecencia de Ricardo Varela sobre o acordo asinado recentemente coas axentes sociais.
Na súa intervención, López Abella lamentou que a Consellería de Traballo funcione a ralentí mentres o seu máximo responsable, se dedica, calculadora en man, a ver como o PSdeG podería captar votos cos que poder gobernar sen o lastre de ter que facelo a través dun pacto do BNG. Como exemplos da tarefa que está a desenvolver Ricardo Varela, a deputada popular recordou que recentemente captou para as siglas do PSdeG-PSOE ao actual alcalde tránsfuga de Oroso, que ten aberta unha causa da Fiscalía Anticorrupción pola presunta comisión dun delito urbanístico; a promesa de que a Xunta apoiará o recinto feiral da Semana Verde de Galicia se a candidata socialista consigue a Alcaldía de Silleda nas próximas Eleccións Municipais; a decisión de ficar aos dous concelleiro de Iniciativa Galega de Carballeda; ou a fichaxe do ex-alcalde nacionalista de Chantada como cabeza de lista do PSdeG-PSOE nas vindeiras municipais.
SEMANAS ENTEIRAS SEN PASAR POLO DESPACHO
Nesta liña, López Abella afirmou dispoñer de información contrastada que indica que o conselleiro de Traballo non vai polo seu despacho da Xunta durante semanas enteiras. Cando iso sucede e xurde algún asunto urxente, os seus colaboradores vense na obriga de enviarlle a documentación á rúa do Pino, sede da executiva do PSdeG-PSOE ou ao seu domicilio de Lugo.
López Abella denunciou a resistencia de Ricardo Varela a comparecer no Parlamento para explicar estes acordos, que tardaron un ano en materializarse e, pese ao seu retraso, son rexeitados pola metade do Goberno galego, como o acredita o feito de que, a finais de 2006, a CIG –brazo sindical do BNG- abandonase as mesas de negociación como sinal de repulsa contra a escasa capacidade negociadora da Consellería de Traballo. Paralelamente, a finais de xaneiro, o voceiro de Emprego do BNG denunciou que o sindicato nacionalista fora excluído do convenio marco que xestiona as relacións laborais entre Galicia e a Rexión Norte de Portugal.
ELEVADA EVENTUALIDADE
A voceira de Traballo do Grupo Popular puxo de manifesto que mentres a principios de 2006 a Comunidade presentaba unhas taxas de eventualidade semellantes ás da media estatal (32,9% fronte a 33,3%, respectivamente), un ano despois, como consecuencia do “efecto bipartito”, en Galicia medrou case dous puntos e medio (ata o 35,3%), mentres que en España aumentou só media décima (ata situarse no 33,8%). “Estabamos catro décimas por debaixo e agora estamos medio punto por riba da media estatal, porque Ricardo Varela prioriza os intereses electorais do PSOE sobre a súa condición de membro do Goberno de Galicia”, enfatizou López Abella. A precariedade incrementouse incluso na Administración pública, onde acada xa o 25%, segundo datos do Grupo Popular.
DESCENSO DA TAXA DE ACTIVIDADE
O PPdeG cuestiona, ao mesmo tempo, a insistencia da Xunta en alardear dun comportamento supostamente positivo do mercado laboral nos dous últimos anos, na medida en que Galicia segue contando co mesmo número de empregos, pero conta cada vez cun menor número de traballadores. A taxa de actividade de Galicia medra tres veces menos ca no conxunto do Estado. López Abella explicou que a taxa de actividade en Galicia (persoas que están en idade de traballar e no mercado laboral) medra moito menos en Galicia ca en España. Galicia rematou 2006 cunha taxa de actividade do 53,60 %, só 0,51 puntos máis ca en 2004 (53,09%); mentres que no conxunto de España foi do 58,58% en 2006, 1,69 puntos máis ca hai 2 anos (56,89%).
A lectura que efectúa o PPdeG sobre a situación do mercado de traballo en Galicia recolle, ademais, que a taxa de actividade dos menores de 25 anos está a 30 puntos da media europea (42% en Galicia). No que se refire ás mozas de menos de 25 anos, a situación é aínda máis negativa, por presentar unha taxa de actividade de só o 33,9%, catorce puntos por debaixo da media nacional. “E o que é máis curioso, a principios de 2005, co PPdeG na Xunta, a taxa de actividade nas mulleres de menos de 25 anos era 10 puntos superior á actual e semellante á do conxunto do Estado”. Por iso, López Abella considera que “Ricardo Varela faría ben en falar menos de paridade nas listas electorais e políticas de igualdade para a muller e que, por fin, fixera algo para facilitar a incorporación das mulleres ao mercado de traballo”.
A deputada popular recordou tamén que a ausencia de medidas de promoción do emprego postas en marcha polo Executivo bipartito choca coa eficacia das acometidas polo anterior Goberno galego do PPdeG que fixo posible reducir a taxa de paro de Galicia dun 20 ata o 8,5%.