· O PPdeG avoga por potenciar a formación de pais e profesores para favorecer a toma de decisións en igualdade e detectar precozmente a existencia de estereotipos machistas
· Tamén consideran preciso incidir no adestramento do persoal sanitario e educativo para impulsar a detección temperá dos déficits de atención a menores e o abandono e maltrato infantil
· Os populares galegos reclaman a reactivación do Observatorio autonómico da familia e infancia unha vez que Unicef contabilizou a existencia, en 2006, de 400 expedientes de maltrato infantil en Galicia
Santiago, 27 de febreiro de 2007.- A pesar de que nos últimos anos se ten rexistrado un avance importante no ámbito da igualdade e a non discriminación por razón de sexo, o PPdeG considera preciso continuar realizando esforzos a favor da educación en igualdade desde a primeira infancia, un esforzo que resulta crucial para o desenvolvemento dos nenos e mesmo para evitar déficits de atención e situacións de abandono e maltrato.
O recente informe sobre o Estado Mundial da Infancia 2007, elaborado por Unicef, pon de manifesto a transcendencia de que as mulleres acaden o mesmo grao de decisión ca os homes. De feito, os autores dese traballo conclúen que se as mulleres tiveran a mesma capacidade de decisión que os homes nas decisións domésticas habería 13,4 millóns menos de nenos malnutridos no sur de Asia e 1,7 menos na África subsahariana.
A deputada popular Carmen Salgado defendeu hoxe, no Pleno do Parlamento, unha proposición non de lei para demandar da Xunta un maior compromiso en materia de igualdade, partindo da evidencia de que canto maior sexa a súa igualdade, maior será o benestar dos nenos e, polo tanto, maiores serán as posibilidades de desenvolvemento satisfactorio. Trátase, segundo explicou a deputada, de previr e corrixir desde as primeiras etapas das vida, e en todos os ámbitos de intervención social, comportamentos e actitudes vitais que, co paso do tempo, podan conducir a situacións de maltrato infantil e violencia doméstica.
NECESIDADE DE IMPLICACIÓN DA XUNTA
A proposta promovida polos populares galegos pide á Xunta que poña en marcha campañas intensivas, dirixidas ao conxunto da sociedade galega, para impulsar a igualdade no proceso de toma de decisións no eido familiar; e intensificar os programas de formación dirixidos ao persoal educativo, e tamén aos proxenitores, para adestralos na detección e corrección precoz de estereotipos machistas que podan conducir a situacións de maltrato psicolóxico e violencia física.
Neste sentido, o PPdeG tamén reclama que a Xunta incida na especialización do persoal docente e sanitario para que estes profesionais podan recoñecer con rapidez e tratar con urxencia os déficits de atención a menores e o abandono e maltrato infantil.
O informe de Unicef contabiliza, en 2006, a existencia de 400 expedientes de maltrato infantil en Galicia, aínda que a ausencia de un sistema de seguimento deste tipo de situacións impide coñecer o verdadeiro alcance deste problema na Comunidade Autónoma.
REVITALIZAR O OBSERVATORIO DA FAMILIA E A INFANCIA
Nesta liña, os populares galegos consideran necesario potenciar as funcións do Observatorio Galego da Familia da Infancia, infrautilizado na actualidade, e recuperar as compañas contra o maltrato infantil –desenvolvidas en anteriores Lexislaturas pola Xunta de Galicia- para sensibilizar a todos os estratos sociais sobre este problema.