· A deputada popular Susana López Abella advertiu que o PPdeG permanecerá vixiante para esixir a materialización do compromiso adquirido hoxe
· O PPdeG destaca que mentres o alcalde de Palas de Rei e o seu equipo de Goberno mantiveron sempre unha actitude construtiva para facilitar a posta en servizo do albergue, a Xunta de Galicia e maila Xerencia do Xacobeo caracterízanse por un comportamento desleal e todo tipo de atrancos
Santiago, 23 de febreiro de 2007.- O Grupo Parlamentario Popular aceptou hoxe, nunha sesión da Comisión de Turismo do Parlamento, o compromiso de socialistas e nacionalistas para poñer en servizo, antes da próxima semana santa, do albergue de Peregrinos de Palas de Rei. A deputada popular Susana López Abella defendeu unha nova proposición non de lei na que volveu reclamar a apertura inmediata das instalacións, rematadas desde xullo de 2005, e pechadas a cal e cando desde entón como consecuencia da cerrazón, os atrancos e o comportamento desleal da Xunta de Galicia e da Xerencia do Xacobeo.
López Abella optou por aceptar a emenda presentada polos deputados do PSOE e do BNG, pospoñendo a data de apertura do albergue, como moi tarde, ata os días previos á vindeira Semana Santa. Os populares galegos consideran que a apertura non pode demorarse máis na medida en que é na Semana Santa cando volve a reactivarse a presenza de peregrinos no Camiño de Santiago e non habería argumento algún que xustifique que o albergue permaneza pechado a esas alturas do ano.
A deputada popular advertiu que o PPdeG manterá unha actitude vixiante para esixir que este acordo se cumpra porque –dixo- xa non se fía. Recordou, nesta liña, que nunha comparecencia parlamentaria celebrada o ano pasado, o xerente do Xacobeo se comprometera a abrir o albergue antes de finalizar 2006 e que tal promesa non chegou a materializarse.
DILIXENCIA DO CONCELLO E DEIXADEZ DA XUNTA
López Abella considera que a deixadez da Xunta de Galicia e da Xerencia do Xacobeo contrasta coa actitude construtiva e a colaboración mantida desde o primeiro momento polo alcalde de Palas de Rei e o seu equipo de Goberno municipal, que ofreceron todo tipo de facilidades para axilizar a posta en servizo do albergue.
O Concello facilitou os terreos para a construción as instalacións e, dado o retraso da súa posta en servizo, habilitou o polideportivo municipal como albergue provisional, o que obrigou a anular actividades culturais e deportivas xa programas para a época estival.
DESCULPAS DE MAL PAGADOR
A pesar de que xa transcorreu máis de ano e medio desde a toma de posesión do Executivo bipartito, socialistas e nacionalistas insistiron en culpar do retraso que acumula a apertura do albergue de Palas ao anterior Goberno do PPdeG. López Abella considera que ese argumento “é o colmo” dos intentos de socialistas e nacionalistas por buscar desculpas coas que tratar de derivar a atención sobre as carencias da súa xestión.
“Para a súa desgraza –afirma López Abella dirixíndose aos deputados que sustentan ao actual Goberno, as desculpas de mal pagador xa non funcionan, porque perderon a escasa credibilidade que lles quedaba”.