Partido Popular de Lugo

TODOS OS PERMISOS NECESARIOS PARA A AMPLIACIÓN DA PISCIFACTORÍA DE PESCANOVA EN LAGO (XOVE) FORON TRAMITADOS POLO ANTERIOR GOBERNO DO PPdeG

 

·        A aposta estratéxica de Pescanova polo desenvolvemento da acuicultura en Galicia incluía a execución complementaria da planta de Cabo Touriñán –prohibida pola Xunta- e as tres da Mariña Lucense, ás que Pesca castigou cun retraso de ano e medio

 

·        O voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, matiza que aínda no suposto que de Pescanova execute as tres piscifactorías das que fala a Xunta, non serán capaces de acadar a produción total prevista na planta de Portugal

 

·        A planta anulada en Cabo Touriñán incluía unha liña de procesado asociado de peixe, xeradora dun elevado número de empregos, e coa que non contarán as piscifactorías da Mariña lucense

 

 

 

Santiago, 16 de xaneiro de 2007.-  Todos os permisos necesarios para a posta en marcha do proxecto de ampliación da granxa mariña da Praia de Lago, en Xove, foron tramitados polo anterior Goberno galego do PPdeG, que tamén efectuara as previsións de apoio orzamentario correspondentes a través dos fondos IFOP. O voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, matiza así o anuncio efectuado onte pola Consellería, que volveu faltar á verdade cando asegurou ter rematado os trámites para a instalación de tres parques acuícolas na Mariña lucense, o maior dos cales, o de Lago, xa está en marcha desde a pasada lexislatura.

 

Con anuncios como o de onte, a Consellería de Pesca trata de presentar os tres proxectos da Mariña Lucense como unha contraprestación pola decisión de Pescanova de implantar en Portugal a macrofactoría que tiña previsto executar en Cabo Touriñán (140 millóns de euros de investimento e xeración de 350 postos de traballo a pleno rendemento), que non pudo acometerse en Galicia como consecuencia da sucesión de trabas impostas pola Xunta.

 

PESCA RETRASOU ANO E MEDIO OS PROXECTOS DA MARIÑA

 

Matiza o PPdeG que Pesca volve faltar á verdade neste aspecto, posto que na aposta estratéxica inicial de Pescanova polo desenvolvemento da acuicultura en Galicia, a multinacional xa contemplaba a posta en marcha deses tres proxectos na Mariña Lucense, de xeito paralelo á execución da planta de Cabo Touriñán. A novidade reside en que Pesca retrasou durante ano e medio a posta en marcha dos proxectos acuícolas da comarca costeira de Lugo, a pesar de que o Goberno saínte do PPdeG deixara programados os incentivos económicos necesarios e a correspondente tramitación administrativa.

 

En todo caso, aclara José Manuel Balseiro, aínda no suposto de que finalmente Pescanova opte por levar a termo,  na súa integridade, os tres proxectos da Mariña Lucense  -Praia de Lago e Morás, en Xove, e Penedo do Corvo, en Ribadeo-, non acadará a produción de 7.000 toneladas anuais de Rodaballo, previstas na factoría de Mira, en Portugal.

 

TOURIÑÁN ÍA PROCESAR O PEIXE, A DIFERENZA DA MARIÑA

 

Recorda José Manuel Balseiro que a planta anulada pola Xunta en Cabo Touriñán incluía unha liña de procesado asociado de peixe, o que permitiría a creación dun  elevado número de empregos que finalmente se xerarán en Portugal, mentres que as piscifactorías da Mariña lucense non contemplan instalacións de procesamento do peixe producido.