Partido Popular de Lugo

O PARTIDO POPULAR DESIGNA A JOSÉ ANTONIO GARCÍA PÉREZ CANDIDATO DA POBRA DE BROLLÓN

Sábado, 13 de Xaneiro de 2007.- José Antonio García Pérez encabezará a lista que presentará o PP no concello de A Pobra de Brollón.  O Presidente Provincial do Partido Popular, José Manuel Barreiro, xunto con outros cargos do partido da zona sur arrouparon,  esta noite, ao  alcaldable popular no acto de presentación que se levou a cabo nun restaurante da localidade.

O Presidente Provincial eloxiou a capacidade do candidato “trátase dunha persoa con experiencia e con capacidade de formar equipo e coordinar o traballo”.

Barreiro  expresou o seu optimismo de cara á batalla electoral “seremos os vencedores nas eleccións do 27 de Maio”. Para o Presidente Provincial non caben as dúbidas con respecto a repetir resultados mantendo así os oito concelleiros que  hai na actualidade.

Candidato.-
O candidato, José Antonio García Pérez, é bo coñecedor do municipio xa que forma parte, da actual corporación dende o ano 2003 e colabora activamente no partido dende o ano  1999.

Á marxe da súa experiencia política, o alcaldable do PP reside na Pobra dende  1995, ano no que foi trasladado como médico ao Centro de saúde.

Un dos primeiros compromisos do candidato, tal e como puxo de manifesto na súa intervención,  é conseguir para a Pobra un Centro Xeriátrico de mediana capacidade,  tamén promete consolidar o Centro de Día moi necesario para evitar o desarraigo dos maiores.

A aposta de José Antonio García Pérez por mellorar a calidade de vida deste numeroso colectivo non resta ilusión a outros proxectos encamiñados á xente nova. Así o candidato avanza que abrirá un centro social para que as asociacións veciñais teñan un lugar onde desenvolver actividades e enriquecer coa sua contribución a vida do municipio.A consolidación das vivendas sociais que están e fase de ocupación, e manter unha política ligada ao disfrute do entorno como é a rehabilitación de áreas recreativas como o caso da que se está a recuperar na parroquia de Saa serán pilares do seu programa.

José Antonio García Pérez avoga por unha política de cercanía,   “ofrezco lo que soy” puntualizou. Nese senso o candidato xa avanzou que de aquí a Maio se entrevistará co máximo número posible de asociacións veciñais co obxecto de pulsar a súa opinión e incluir no seu programa todas aquelas iniciativas que servan para mellorar a calidade de vida de todos os veciños de A Pobra.

Con respecto á militancia do partido subliñou que está aberto a calquera suxerencia xa que considera que a militancia non é o fin cara a onde van os partidos, senon que é o principio da política. «Son eles a voz do partido e a miña obriga é ter en conta as súas inquedanzas».

PRENSA
PARTIDO POPULAR