Partido Popular de Lugo

O PP logra o compromiso do pleno para que a Deputación estableza uns criterios obxectivos de actuación das estradas provinciais e de posta á disposición da maquinaria do Parque Móbil

Lugo, 27 de setembro de 2016.- O Grupo Provincial do Partido Popular logrou esta mañá o acordo do pleno da corporación, só co voto en contra dos socialistas, para que a Deputación elabore uns criterios de actuación nas estradas provinciais e de posta á disposición da maquinaria do Parque Móbil, de xeito que o Goberno provincial se rexa por uns baremos “obxectivos e que establezan un trato igualitario entre concellos”.

 

En concreto, na moción dos populares solicítase que a Deputación e os Concellos decidan de xeito coordinado as actuacións a acometer tanto na rede viaria provincial como no conxunto das estradas municipais e que se poña o Parque Móbil provincial á disposición de todos os municipios da provincia que teñan unha poboación inferior aos 20.000 habitantes.

 

Os populares pediron ao Goberno da institución lucense a constitución dunha comisión provincial, cunha composición representativa do actual pleno, que teña por finalidade elaborar e posteriormente aprobar os dous plans. A voceira dos populares, Elena Candia, lamenta que o PSOE non “sexa consciente aínda de que está a gobernar en minoría” e rexeite acordos que “van en beneficio de todos os veciños. Prefiren elaborar sen consenso un plan sectario que non trata a todos os municipios por igual, no lugar de establecer unhas pautas de actuación futuras en beneficio de toda a provincia”, censura.

 

Candia defendeu esta proposta ao considerar que optimizar recursos pasa, entre outras medidas, pola coordinación e polo “necesario” entendemento entre administracións. Asegurou que deben ser as diferentes administracións as que valoren a necesidade e a oportunidade das actuacións a levar a cabo tanto na rede viaria provincial como no conxunto da rede municipal. Así, a popular subliñou que é “necesario que a Deputación e os concellos actúen de xeito coordinado, en beneficio do interese xeral, e acorden as obras imprescindibles que se acometerán na rede viaria provincial e nas estradas municipais”. Por último, a voceira dixo que agarda que o Goberno provincial atenda a esta petición do pleno e non desoia o acordo acadado esta mañá.