Partido Popular de Lugo

O PP insta ao Sergas, á Sociedade Galega de Pediatras e á Sociedade de Pediatría en atención primaria a que elaboren un documento de mellora na atención pediátrica en Galicia

Lugo, 26 de xullo de 2017.- O Grupo Provincial do Partido Popular presentou hoxe unha emenda de substitución á moción do Grupo Provincial do PSOE sobre o servizo de pediatría na provincia de Lugo. Así, desde o PP instan ao Sergas, á Sociedade Galega de Pediatras, á Sociedade de pediatría en atención primaria e aos xefes de pediatría a que presenten un documento sobre a mellora na atención pediátrica en Galicia.

 

Desde o PP lamentan que esta emenda non fora tida en conta polo Goberno provincial, que a rexeitou, e censuran a demagoxia dos socialistas ao querer negar que o problema real é que non existen facultativos nestas especialidades para darlle cobertura ás vacantes.

 

Desde o PP defenden a necesidade de mellorar a atención pediátrica tanto en Galicia como na provincia, para o que existe unha clara vontade de diálogo e traballo por parte da Xunta de Galicia.

 

Os populares consideraron no Pleno que a forma coa que o PSOE tratou de xustificar esa necesidade “non é a acertada”, polo que propuxeron unha emenda de substitución ante a falta de rigorosidade proposta polo Goberno provincial.

 

A deputada Mari Teijeiro sinalou que para o Sergas garantir a calidade da atención “é unha prioridade que non se debe cuestionar”. “Existe esa necesidade de máis profesionais, pero iso debe facerse con criterios técnicos e coa colaboración do Sergas, polo que desde o Goberno galego se está traballando en coordinación coa Sociedade de Pediatría para que a atención sexa a mellor posible”, apuntou, e de aí a emenda presentada polo PP .