O PP impulsa unha xornada informativa para que o sector lácteo lucense sexa pioneiro no tratamento da resistencia das bacterias aos antibióticos

Será este sábado, a partires das 12:00 horas, no Hotel Torre de Núñez. Participarán veterinarios de Lugo, así como Cristina Muñoz, membro da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios e presidenta do grupo de traballo de eficacia da Axencia Europea do Medicamento (EWP) e a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez

fee104dd53666423e80bc8585adc1294.jpg

PP de Lugo | 2017-06-15

LUGO, 15 de xuño de 2017.- O Partido Popular pon en marcha a xornada informativa sobre a resistencia das bacterias aos antibióticos: “Un reto e un plan para o vacún de leite”, co fin de sensibilizar e implicar ao sector nun problema que, segundo indican os expertos, será no futuro a principal causa de morte, pois as enfermidades ata o de agora de curación sinxela, deixarán de selo debido a que estes medicamentos cada vez son menos efectivos e eficaces.

 

Neste senso, dende a Comisión do Sector Primario do PP de Lugo, que coordina Ana López Pombo, queren adiantarse e ofrecer solucións ao respecto, pois, malia que se trata dun problema que afecta a toda a poboación en xeral, a sanidade animal está directamente implicada, destacando, sobre todo, o sector lácteo, cuxo principal núcleo de produción está na provincia. Deste xeito, e ante dito problema, os animais non poden defenderse e son os gandeiros e os profesionais veterinarios os que deben salvagaradar o seu benestar e salubridade, “porque esta é tamén a salvagarda da saúde humana”, precisa a coordinadora desta área, Ana López Pombo.

 

“Os expertos alertan que, dende que se descobriu o primeiro antibiótico (a penicilina), as bacaterias non deixaron de desenvolver mecanismos de resistencia fronte a todos eles e, a día de hoxe, é tal o grao de mecanismos de resistencia que teñen que pronto poderemos voltar á época preantibiótica”, precisa López Pombo, que tamén é veterinaria de profesión.

 

Especialistas na materia

Para tratar este asunto, que esixe un amplo coñecemento e profesionalidade na materia, e coa finalidade de que a xornada, que se desenvolverá de 12:00 a 14:00 horas, este sábado, día 17, no Hotel Torre de Núñez, sexa o máis produtiva, didáctica e enriquecedora posible, contarase coa intervención da propia Ana López Pombo, veterinaria de profesión, así como de Cristina Muñoz, membro da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios e presidenta do grupo de traballo de eficacia da Axencia Europea do Medicamento (EWP), así como da conselleira de Medio Rural, Ángelez Vázquez.

 

“Cremos que se trata dunha oportunidade extraordinaria para demostrar que o sector do leite de Lugo é pioneiro en todo o Estado no que a sanidade animal se refire, e traballar xuntos na procura de buscar unha mellor optimización dos recursos que teñen tanto os gandeiros, como os veterinarios e a industria farmacéutica, así como para bucar unha maior rendibilidade do sector”, afirma a coordinadora popular.

 

No encontro, ademais dos especialistas e da presidenta provincial, Elena Candia, participarán gandeiros da provincia, veterinarios e cooperativas agrogandeiras.

 

Achegando o Partido

Deste xeito, o Partido Popular dá continuidade ao seu compromiso de achegar o Partido a todos. Por iso, esta reunión non é unha actividade illada dentro das liñas estratéxicas desta formación política, senón que complementa o traballo que se leva facendo neste campo nos últimos meses. A xornada deste sábado súmase así a outras iniciativas desenvolvidas e relacionadas coa Educación, a Sanidade, co tecido asociativo da provincia ou coas políticas sociais.