Partido Popular de Lugo

O PP esixirá no Pleno de mañá formar parte do grupo de traballo para ditaminar a posible integración da Fundación TIC na estrutura da Deputación

Lugo, 24 de outubro de 2016.- O Grupo Provincial do Partido Popular presentou unha moción de urxencia para esixir que os representantes dos diferentes grupos políticos formen parte do grupo de traballo creado para ditaminar a posible integración da Fundación TIC na estrutura da Deputación Provincial de Lugo.

 

En concreto, o PP pide que un membro de cada un dos grupos políticos con representación na institución provincial, así como o deputado non adscrito formen parte dese equipo e, consecuentemente, sexan convocados ás reunións que celebre o grupo de traballo creado para ditaminar a posible integración da Fundación TIC na estrutura da Deputación Provincial de Lugo, así como a análise das condicións de traballo do persoal que presta os seus servizos na Fundación.

 

Os populares trasladan esta petición tras ter coñecemento da posta en marcha dun grupo de traballo do que foron excluídos os membros dos grupos políticos con representación na Corporación provincial.

 

Por todo isto, e tendo en conta a importancia que tería que a Fundación TIC pasara a formar parte da estrutura da institución provincial, o Grupo Provincial Popular elevará ao Pleno de mañá a moción de urxencia para esixir que representantes dos diferentes grupos políticos do organismo provincial formen parte dese equipo que tomará as decisións.

 

Os populares cren que o seu partido non debe estar fóra dese equipo, posto que ademais un dos deputados do PP é patrono da Fundación e, polo tanto, debera participar nas reunións e ter información sobre as decisións que se pretendan tomar sobre a entidade.