O PP de Sarria denuncia que a alcaldesa “leva 2 anos de absoluta mentira” sobre a canceira provisional e anuncia o estudo das medidas legais que procedan

Os populares levan interesándose por este asunto en todos os plenos celebrados nos últimos 8 meses, debido a que o Concello non avanzou na solución do problema, que se remonta a decembro de 2015, a consecuencia de que a alcadesa non renovou o convenio coa Protectora de Animais; o que provocou a creación “deste refuxio ilegal” no barrio do Lázaro

e0035a37ad30708042a8df11580c1d35.JPG

PP de Lugo | 2017-06-15

SARRIA, 15 de xuño de 2017.- O Partido Popular de Sarria denuncia que a alcaldesa “leva dous anos de absoluta mentira” con respecto á situación da canceira provisional, situada no barrio do Lázaro, e que está causar graves prexuízos aos veciños da zona, pois por mor dos ruidos que ocasionan, moitos deles teñen incluso problemas para durmir. Por todo elo, anuncian o estudo das accións legais que procedan neste caso.

 

Concretamente, os populares levan interesándose por este asunto, que o definen “como un auténtico abuso aos dereitos dos habitantes do barrio”, en todos os plenos celebrados nos últimos oito meses, debido a que o Goberno local non avanzou na solución “dun problema que foi creado por eles”, e que se remonta a decembro de 2015, a consecuencia de que o Concello decidiu non renovar o convenio coa Protectora de Animais; feito que provocou a creación “deste refuxio ilegal” no centro do pobo.

 

A raíz da decisión “pouco responsable” por parte do Executivo, o 31 de xuño de 2016 os veciños da zona, “fartos dos ruidos”, dirixíronse á alcadesa para trasladarlle os problemas que lles está a causar esta instalación de dudosa ilegalidade. Dado que non se lles proporcionou ningunha proposta que puxese fin ao problema, os afectados emprenderon varias actuacións, que son as seguintes: o 26 de agosto dese mesmo ano presentan máis de 130 sinaturas en contra destas dependencias e do seu emprazamento; en setembro de 2016 trasladan a súa queixa ante a Valedora do Pobo, quen dous meses despois confirma que “nada se fixo ao respecto”; e incluso tamén deron traslado da súa indefensión ao servizo de Proteción da Natureza, presentando un escrito co mesmo asunto.

 

Nin hai proxecto, nin hai convenio coa Deputación

Por todo elo, consideran que “tanta mentira é un desprezo aos veciños”, pois tampouco existe proxecto para solucionar a situación e proceder ao peche de forma urxente da canceira provisional, nin financiamento do mesmo, nin o convenio coa Deputación, cuxa existencia foi anunciada reiteradamente pola alcaldesa. Proba delo é que o suposto borrador, que foi confirmado pola rexedora en outubro de 2016, a instancias do Partido Popular, por valor de 80.000 euros “nin se tramitou, nin ten autorización e xa ascende a 250.000; é dicir, “que case triplica o custo inicial”, destacan os populares.

 

Asemade, “e por se isto fose pouco”, por parte do organismo provincial, no último Pleno, o delegado confirmou que tampouco existe ningún convenio entre ambas entidades, senón que o único que hai son conversas verbais entre Concello e Deputación “que nada concretan e precisan”.

 

En conclusión, remata o grupo municipal, “levamos moito tempo de continuas falsidades sobre unha cuestión que foi iniciada por eles mesmos, e que cremos que non pode seguir así, porque se está prexudicando claramente aos veciños do Lázaro, que son os que pagan as consecuencias das mentiras da alcaldesa. É por iso, que, nun exercicio de responsabilidade e de seriedade, recopilaremos toda a documentación que sexa precisa para iniciar legamente as medidas que sexan oportunas”.