Partido Popular de Lugo

O PP de Monforte achégase a coñecer as necesidades de actuacións nas 27 parroquias para trasladalas ao Goberno local

16, xullo, 2018. O Grupo Municipal do PP de Monforte adianta que “iremos visitando cada unha das 27 parroquias para presentar ante o Pleno peticións segundo as súas necesidades”, tralo anuncio por parte do equipo de Goberno local de acometer unha serie de actuacións de mellora das pistas municipais en distintas parroquias cun investimento dun millón de euros.

 

Conscientes do “abandono no que se atopa o noso rural”, pero tamén de que “non se poden acometer todas as actuacións á vez”, os populares teñen dosificado as peticións que afectaban ás 27 parroquias. “Algunhas delas teñen sido atendidas, pero outras non”, sentencia a voceira, Julia Rodríguez, que considera prioritario, por exemplo, acometer o saneamento de Calvos.

 

Os populares de Monforte teñen solicitado, xa dende a anterior lexislatura, actuacións en distintas parroquias que estima “necesarias para mellorar a calidade de vida dos veciños”.

 

San Xoán de Tor

Concretamente, no que afecta á parroquia de San Xoán de Tor, as actuacións proxectadas polo Goberno local non se atopan definidas. A ese respecto, o Grupo Municipal Popular solicita “o asfaltado das pistas que levan ao núcleo de Tor e as do propio lugar, incluíndo a que conduce á fonte, o arranxo da cuneta e a canalización da auga que agora discorre pola pista e, polo tanto, a deteriora”.

 

Pero, a estas intervencións, Julia Rodríguez engade outras “que veñen sendo demandadas polos veciños e que, ao noso entender, deben ser atendidas”. Así, solicitarán ao equipo de Goberno do Concello de Monforte a través dun rogo a “revisión da rede de abastecemento de augas que sofre reiteradas avarías e a limpeza e acondicionamento das cunetas –especialmente as da pista que leva á fonte por onde discorre a auga provocando o seu deterioro-”; ademais das actuacións de asfaltado do firme.

 

Tamén reclaman os populares a continuación da pista que da acceso ás vivendas atravesando o campo da festa onde consideran axeitado que se arranxe o seu sistema de peche e as randeeiras.

 

Requirimento a Aqualia

Por outra banda, o Grupo Municipal do Partido Popular en Monforte defende a necesidade de limpar e acondicionar as fontes da parroquia de San Xoán de Tor e de requirir a Aqualia “o arranxo da avaría localizada no medio dun carril da estrada que leva a esta parroquia onde non existen sistemas de iluminación nocturna”. É por iso polo que esixen que se “sinalice axeitadamente esta apertura na estrada que se estende no tempo máis de dous meses”.

En materia de seguridade viaria, dende o PP local tamén consideran necesarias as actuacións de pintado e sinalización horizontal desta estrada.