Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP lamenta que os socialistas da Deputación rexeiten crear unha comisión que favoreza cumprir co período medio de pagamento a provedores

Lugo, 26 de xullo de 2017.- O Grupo Provincial do Partido Popular lamenta que os socialistas da Deputación rexeitaran crear unha comisión de seguimento para o cumprimento do período medio de pagamento a provedores por parte da administración que preside o socialista Darío Campos.

 

O PP defendeu que se trataba dunha “proposta construtiva” ao tempo que felicitaron aos traballadores públicos polo labor que desenvolven á fronte da institución. “Se algo falla é a xestión política que cremos manifestamente mellorable”, explicou o deputado Demetrio Salgueiro.

 

Os populares agradecen o esforzo que a Deputación sostén que está a levar a cabo, pero recordaron que os datos do Ministerio de Facenda e Función Pública reflicten que a administración lucense foi a que máis tardou en pagar de España no primeiro trimestre deste ano.

 

Así, desde o PP explicaron que, pese ás melloras indicadas pola deputada do PSOE, o Goberno provincial non se pode dar por satisfeito, posto que en abril de 2016 tamén se cumpriu co período medio de pagamento e os meses posteriores volveuse a superar, sendo a Deputación peor pagadora do Estado.

 

Desde o PP defenderon a creación desta comisión “para non incorrer nos mesmos erros e que o Goberno provincial teña unha estabilidade e unhas cifras como teñen outras deputacións e non volver ser noticia por ser a peor pagadora de España”.

 

Rexeitamento aos comentarios da deputada de Economía

O deputado lamentou as palabras da alcaldesa de Trabada e responsable do departamento de Economía na Deputación de Lugo polas críticas veladas a outros compañeiros alcaldes. “Non é o foro para facer críticas a outros compañeiros alcaldes, senón que debera axudar a eses rexedores e concellos nos que gobernan”, precisou.

 

Os peores datos de España

A Deputación Provincial de Lugo foi a que máis tardou en pagar de España no primeiro trimestre do ano 2017, tal e como reflicten os datos do Ministerio de Facenda e Función Pública feitos públicos sobre o Período Medio de Pagamento das Entidades Locais. En concreto, o período medio de pago en xaneiro foi de 47,27 días, en febreiro de 44,37 días e en marzo de 48,28 días.

A administración provincial colócase ademais como a que máis tempo tarda en efectuar os pagamentos a provedores das catro deputacións galegas. A Deputación da Coruña e a de Pontevedra pagan as súas facturas a provedores e bancos antes de cumprir os 30 días establecidos pola Lei, mentres que a Deputación de Lugo alcanzou no mes de marzo os 48,28 días.

Consecuencias

O feito de que a Deputación de Lugo se sitúe no ránking das peores pagadoras do Estado supón un problema para as empresas ás que se lle adebeda. Ademais os populares lembran que se a institución non paga aos seus provedores no prazo máximo establecido deberá informar dos recursos que vai dedicar mensualmente ao pago a provedores e adoptar as medidas necesarias de gasto, ingreso ou xestión de cobros e pagos para reducir o seu período medio de pagamento. No caso de continuar incumprindo, o Estado podería facerse cargo das facturas reténdollo do sistema de financiamento ao organismo provincial.

Polo tanto, este feito supón un problema para as empresas ás que se lle adebeda, ao tempo que pode traer consigo algún tipo de reprimenda por parte do Goberno. Tanto é así que o Ministerio podería chegar a reter as súas participacións nos ingresos do Estado a aquelas administracións que superen a normativa de morosidade durante varios meses seguidos.