Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP esíxelle ao presidente da Deputación de Lugo que axilice o pagamento das subvencións nominativas ás entidades sociais

Lugo, 18 de outubro de 2016.- A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, remitiulle hoxe un escrito ao presidente da Deputación provincial, o socialista Darío Campos, no que lle esixe que axilice o pagamento das subvencións nominativas. En concreto, a voceira explica que no Orzamento Xeral da institución para o 2016 están previstas 128 subvencións nominativas por un importe superior aos 1,4 millóns de euros, entre as que se atopan as destinadas a entidades sociais sen ánimo de lucro de toda a provincia, unha contía fundamental para o desenvolvemento do traballo que prestan estas entidades.

 

Os populares pregúntanse por que o presidente axiliza as subvencións excepcionais nas Xuntas de Goberno semanais mentres mantén as nominativas bloqueadas “pese á importancia que teñen para as entidades que as reciben, non só sociais, senón deportivas e administracións locais”.

 

O Grupo Provincial do PP presentará ademais un rogo no próximo Pleno da Deputación no que solicita, ao igual que no escrito rexistrado hoxe, que o equipo de Goberno axilice o procedemento de concesión das subvencións nominativas previstas no Orzamento para o ano 2016, asinado xa o 27 de xuño. Demandan ademais que se leve a cabo, a maior brevidade posible, a sinatura dos convenios correspondentes ás subvencións nominativas e se procesa á realización do pagamento do anticipo previsto nas axudas.

 

No seu escrito a popular explica que xa transcorreron catro meses desde a aprobación do acordo dos Presupostos e dous meses desde que as asociacións e entidades remitiron á institución provincial a documentación necesaria para a tramitación das subvencións e, de xeito sorprendente, a data de hoxe non recibiron comunicación algunha por parte do equipo de Goberno para a sinatura do correspondente convenio.