Partido Popular de Lugo

Enrique Rozas e Mari Teijeiro, propostas de Carballo para a vicepresidencia e a secretaría xeral do PP de Lugo

LUGO, 10 de maio de 2017.- O candidato á presidencia do PP de Lugo, Ramón Carballo, anuncia que Enrique Rozas e Mari Teijeiro serán, respectivamente, as súas propostas para ocupar a vicepresidencia e a secretaría xeral da candidatura coa que concorre á dirección deste órgano, e que deberá ser aprobada polos militantes no Congreso do día 26. Neste senso, tal e como anunciara o pasado venres, o popular dá a conocer así os primeiros integrantes do seu equipo. Os nomes do resto de integrantes faraos público no transcurso de dito encontro, que se celebrará no Pazo de Feiras e Exposicións, na data indicada.

 

Tanto Rozas como Teijeiro destacan por ser dúas persoas cunha ampla dedicación e traxectoria no Partido e por posuír un extenso coñecemento da política e da vida municipal, debido aos distintos cargos que ocuparon nos últimos tempos e desempeñan na actualidade. Así o indica o candidato, quen se amosa satisfeito “por poder incorporar a compañeiros que senten profundamente as siglas e o proxecto do Partido Popular”.

 

A este respecto, subliña que ambos os dous, “teñen unha gran entrega á Lugo e ao Partido, que os fai merecedores do seu recoñecemento”. Na actualidade, Mari Teijeiro é concelleira no Concello de Lugo e deputada provincial, así como membro da dirección do PP galego, como vicesecretaria xeral de Acción Social. Pola súa banda, Enrique Rozas, tamén edil do PP na entidade local, conta cunha ampla traxectoria neste eido. Coa chegada de Elena Candia á dirección provincial, asumiu a secretaría de Acción Social.

 

Medrar nas municipais”, obxectivo de Carballo

Xunto con Carballo, Rozas e Teijeiro encabezarán a candidatura que, en palabras do aspirante á dirección do PP lucense, “será a base do proxecto que nos permitirá medrar nas municipais e representará a vontade da maior parte dos lucenses”. Malia que estas son as primeiras incorporacións, o popular recoñe que “segue sumando apoios” porque, segundo apunta, “o obxectivo é consolidar un proxecto que perdure no tempo. Teño que dicir que é unha satisfacción poder comprobar que en Lugo o PP ten a folla de ruta clara”. “Fronte á notable debilidade que ofrecen os actuais Gobernos local e provincial, trátase, en definitiva, de dar estabilidade aos lucenses. Ese é o meu obxectivo, e niso estamos a traballar”, reitera.

Pulsando a militancia

En cumprimento tamén da palabra dada, Ramón Carballo comezará este venres a campaña interna. No Hotel Torre de Núñez, ás 21:30 horas, manterá o primeiro destes encontros, e farao cos afiliados da zona rural. “Estamos no momento no que quero pulsar as inquietudes dos militantes e incorporar as súas aportacións. Neste proxecto, e seguindo o lema da campaña, reitero que Xuntos, Somos Máis”, lembra o popular.

 

Seguidamente, o luns, día 15, ás 20:30 horas, e no local social das Gándaras, a xuntanza será cos adeptos do distrito 3. O martes, 16, ás 20:30 horas, cos do distrito 4, en Paradai (Bar Melide). O xoves 18, á mesma hora, cos do distrito 5 na sede do Partido e, finalmente, o 23 de maio, tamén ás 20:30 horas, cos afiliados e simpatizantes dos distritos 1 e 2. Esta xuntanza terá lugar no Gran Hotel.

 

Descargar audio